As medidas, que xa tiñan que estar en funcionamento, terán carácter retroactivo
A Comisión de seguimento de suspensión de folga de O’ Mega, integrada por representantes da devandita entidade, así coma por un representante de AME (Asociación MIR España) e un de MUD (Asociación Médicos Unidos por sus Derechos), mantiveron hoxe unha reunión con representantes do Sergas. O obxectivo desta xuntanza foi reiterar o cumprimento inmediato dos acordos asinados o pasado mes de maio e garantir o carácter retroactivo, unha vez publicados no DOGA, daquelas medidas que xa tiñan que estar en funcionamento como: garantir a aplicación da xornada ordinaria de 35 horas semanais para o persoal médico e facultativo; descanso compensatorio da garda dos venres nos 15 días seguintes á realización da garda con carácter xeral e, en caso excepcional, poderase diferir a libranza previo acordo entre ambas as dúas partes; remuneración da quinta garda e sucesivas que realice o persoal MIR nun mes; e actualización do IPC no complemento de Produtividade Variable.
O sindicato maioritario entre os médicos e facultativos de Galicia valora positivamente a boa comunicación existente co Sergas, pero lembra a necesidade de cumprir e respectar os prazos pactados tras a suspensión da folga o pasado mes de maio. Deste xeito, insta ao Sergas a poñer en marcha de maneira inminente aquelas medidas adoptadas que xa deberían estar en funcionamento.
Dita xuntanza foi convocada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e contou coa participación da Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria e a Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, ademais de coa Comisión de seguimento de suspensión de folga de O’ Mega.
Puntos do acordo adoptado no mes de maio
Establecer un incremento progresivo do prezo das horas extras de garda e equiparalas ao das horas ordinarias nun prazo de tres anos, o incremento producirase en 3 tramos.. Estes incrementos tamén se aplicarán proporcionalmente tanto ás horas presenciais como ás localizadas, festivas ou ás consideradas de alta dedicación. Ao mesmo tempo analizaranse os plans funcionais dos servizos co obxectivo de dimensionar adecuadamente a súa organización, de forma que sexa posible avanzar cara a un modelo sostible e viable no que as gardas sexan de carácter voluntario nun prazo máximo de cinco anos, buscando en calquera caso garantir un descanso compensatorio suficiente para protexer a saúde do persoal médico e facultativo, sen menoscabar a asistencia sanitaria á poboación.
Ademais, abrirase unha negociación sobre a exención das gardas para maiores de 55 anos, establecendo un período transitorio voluntario para a reincorporación voluntaria. O acordo recolle tamén o incremento do complemento de produtividade variable; a xubilación flexible e a avaliación dos complementos salariais que afecten a médicos e facultativos, en concordancia cos avances que se alcancen a nivel nacional en materia de clasificación ou doutros para adecuar o salario de médicos e facultativos á contorna da OCDE. Tamén a constitución dun grupo de traballo para reordenar a actividade asistencial estrutural realizada en xornada de tarde, coñecida como actividade autoconcertada ou peonadas. Abonarase aos médicos residentes un complemento retributivo. Este complemento de residencia terá carácter estrutural e lineal, co obxectivo de mellorar a competitividade e a capacidade de captación e fidelización de profesionais médicos para a Comunidade Autónoma de Galicia. A maiores, os MIR verán remunerada a quinta garda, e as sucesivas realizadas no mesmo mes.